Nova Galega de Danza – Dique
O Dique de Campá de Ferrol foi a obra de enxeñería hidráulica máis importante do século XIX en España. Detrás da súa construción está o traballo invisibilizado de 200 mulleres que desde 1874 pasaron anos retirando 245.000 metros cúbicos de terra e pedras que transportaron en sacos e cestas sobre as súas cabezas. Eran as “cargadoras” e, polo mesmo traballo, cobraban menos cós homes.
As cargadoras moveron 245.000 metros cúbicos de terra transportándoa en 11.600.000 cestos sobre as súas cabezas. Cada unha destas mulleres transportou 58.000 cestos, o equivalente a un peso de 870 toneladas. Se supoñemos que cada unha desprazouse de media 50 metros, percorreron todas elas unha lonxitude de 29 hectáreas -case 60 campos de fútbol-. O peso do formigón empregado foi de 139.500 toneladas e o número de pedras de cachotería ascendeu a 40 millóns. A obra custou 25 millóns de reais. Con este espectáculo, no 150º aniversario do comezo das obras, rendemos homenaxe ás mulleres do dique.