Milladoiro – IX Romaxe Artesá da Chaira
Milladoiro, a banda más internacional do folk galego, actuará o vindeiro 24 de maio na IX edición do Romaxe Artesá da Chaira no concello de Muras.
En palabras de Milladoiro:
Compartíamos e compartimos a paixón pola música e polo noso país, pero sendo conscientes de que o camiño, o emblemático camiño de Santiago, é vía de dúas direccións e de aí o noso nome. Os milladoiros que guiaban os pasos dos peregrinos que se achegaban a Galicia, permitíronnos abrirnos ás moitas influencias que enriqueceron esta esquina de Europa.
Somos e sentímonos de aquí na medida en que cremos coñecer e respectamos o mosaico temporal-espacial rico e diverso en que vivimos. Non pretendemos proclamas coa música, tan só divertir e divertirnos con este tesouro que son as melodías que esta terra nos legou, froito de xeracións anónimas de músicos tradicionais.
A nosa ilusión sería devolver o moito recibido en forma de música fermosa e viva que nos axude como país a manter un lugar de identificación colectivo que nos permita seguir existindo baixo o irremediable manto da aldea global.
Así foi e segue sendo a nosa pequena historia, a historia que empezou no outono de 1978 e que demos a coñecer por vez primeira un 15 de maio de 1979 no Auditorio dos Salesianos da Coruña.