Éxito en Ferrol na estrea de “Reinventio”, o novo espectáculo de maxia, circo e danza de Martín Varela

O Teatro Jofre acolleu este fin de semana Reinventio, o espectáculo de gran formato creado polo ilusionista ferrolano Martín Varela, no que se combinan maxia, circo e danza para ofrecer unha experiencia visual e emocional de gran impacto. A produción, creada en Galicia e para Galicia, destaca o seu carácter auténticamente galego.

A función estreou en Ferrol o venres cunha única sesión, que tivo moi boa acollida, e repetíuse o sábado con dúas funcións, tamén cun éxito notable. O domingo a compañía chegou a Vigo, onde se representaron dúas funcións máis que tamén recibiron unha gran resposta do público.

O espectáculo, de 90 minutos sen pausa, reúne uns 25 números repartidos en catro actos, con grandes ilusións, números aéreos, suspensión capilar, coreografías e un complexo dispositivo técnico. A dramaturxia xira en torno á idea dunha “luz interior” que se apaga e volve acenderse, construíndo un percorrido emocional no que maxia, danza e circo funcionan como un só corpo expresivo.

O elenco internacional —con artistas de Galicia, Venezuela, Portugal, Suíza e Ucraína— destacou pola súa precisión e variedade técnica, con momentos salientables de Milena Blatter, Andrew Noronha, Andrii Malyna e Anastasiia Kupriyashenko. Dentro do equipo artístico, o corpo de danza é maioritariamente galego, reforzando a identidade local do proxecto.

Estas funcións reflecten a boa aceptación do público, que ao final de cada función premiou a proposta cunha ovación de pé.

Tras o paso por Ferrol e Vigo, Reinventio continúa a súa xira galega 2025/2026, que pasará por cinco cidades máis, completando un total de sete. As entradas seguen dispoñibles en www.reinventio.gal e www.ataquilla.com.

Un espectáculo de Thinking Up Events, con patrocinio da Xunta de Galicia a través da Axencia de Turismo de Galicia e coa colaboración do Concello de Ferrol na súa estrea.

Comparte esta nova

Estás listo para organizar o teu evento con nós?

Comecemos unha colaboración! Contacta con nós