Milladoiro e Abraham Cupeiro recibirán sendos galardóns na XXIV Gala dos Premios Opinión da Música de Raíz

O vindeiro 9 de abril, no Teatro Rosalía de Castro de A Coruña, terá lugar a XXIV Gala dos Premios Opinión da Música de Raíz, onde Abraham Cupeiro recibirá o III Premio Opinión ao Acontecemento Musical do Ano pola xira de presentación galega do disco “Mythos”, na que contou coa Orquestra Gaos e que pasou polas cidades de Ferrol, Ourense, Santiago de Compostela, Lugo, Vigo e A Coruña.

O grupo Milladoiro, pola súa banda, recibirá o XVIII Premio Opinión Andaina Senlleira. En palabras do xornal La Opinión: “A Milladoiro débeselle moito. Foron punteiros e pioneiros nunha música de raíz galega que lles debe estar eternamente agradecida polo seu sobranceiro valor e por amosar o camiño de que o noso folclore dispuña dunha gran riqueza nunha época na que semellaba estar algo esquecido. Moitos músicos de xeracións posteriores tivéronos coma un exemplo no que mirarse. Mesturaron calidade e profesionalidade coa determinación de crer totalmente nas nosas músicas e sempre cunha abraiante e maxestosa elegancia musical que chegou ao corazón de moita xente. Son deses conxuntos que acadaron plenamente o éxito de público e crítica. O galardón Andaina Senlleira recoñece o labor no eido musical de persoas ou colectivos que deixasen unha fonda pegada musical e a de Milladoiro é inmensa”.

Comparte esta nova

Estás listo para organizar o teu evento con nós?

Comecemos unha colaboración! Contacta con nós