A primeira edición do Festival Ou Yeah! pechou o pasado sábado 11 de outubro en Ourense cun éxito rotundo. Máis que un ciclo de concertos, o festival é unha auténtica declaración de intencións: profundamente arraigado en Ourense, reivindica a música, a gastronomía local e o impacto positivo no tecido social e económico da zona.
Ao longo das súas distintas datas, o Festival Ou Yeah! reuniu a 5.000 persoas, confirmando o gran interese do público e a excelente acollida desta primeira edición.
O cartel desta primeira edición reuniu a artistas nacionais e internacionais de renome, entre eles Jethro Tull, The Waterboys, Morgan, La Guardia, Sés, Escuchando Elefantes, Iago Banet, Habitación Vudú e Tesouro, demostrando que o rock, nas súas múltiples vertentes —folk-rock, progresivo, indie-pop, pop-rock— marca o pulso do festival, sempre cun espírito aberto á diversidade musical.
O concerto de Jethro Tull pechou o evento con broche de ouro. A icónica banda británica, liderada por Ian Anderson, combina rock, folk, jazz e música clásica, e enmarcada dentro da súa xira The Curiosity Tour, celebrou máis de 50 anos de traxectoria. O público puido revivir clásicos como Aqualung, Thick As A Brick e Living in the Past, así como temas do seu último disco The Zealot Gene (2022), mantendo vivo o espírito creativo e o característico son da banda.
A xornada abriu o guitarrista galego Iago Banet, co seu estilo acústico fingerstyle, que mestura folk, blues, gypsy jazz, country e pop, creando historias sen palabras que cativaron ao público e marcaron un inicio inmellorable para o festival.
Segundo a organización, o proxecto logrou cumprir os obxectivos desde o principio: “Levamos a música a diferentes puntos da provincia, creando unha experiencia accesible e de calidade. Entendemos Ourense como unha provincia, e se non o facemos así, o proxecto perdería sentido”.
Ademais da música, a oferta gastronómica creada por chefs ourensáns da asociación Cociña Ourense engadiu un valor extra a cada xornada, completando unha experiencia única que combina música, identidade e sabor galego, proxectando Ourense cara ao mundo.
O Festival Ou Yeah!, organizado por Escena Sonora e Thinking Up Events, contou co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Turismo no marco dos Concertos do Xacobeo, e da Deputación Provincial de Ourense, consolidando a súa primeira edición como un éxito rotundo que promete volver máis forte que nunca.




