Hai historias que non se contan con palabras, senón coa luz, o corpo e o movemento. Reinventio pertence a esa categoría: un espectáculo galego de gran formato que conxuga maxia, danza e artes circenses para transformar a ilusión nun relato visual e emocional. Tras o éxito de Inventio, a nova produción de Thinking Up Events propón unha viaxe escénica que explora o que queda cando se perde a ilusión e o que renace cando se recupera.
Se Inventio era unha viaxe cara ao pasado esquecido, Reinventio é o retorno ao presente, á emoción e á humanidade que sobrevive mesmo cando todo se esvae. A maxia convértese aquí nunha linguaxe poética que guía un relato con números de ilusionismo, acrobacias imposibles, danza contemporánea e números aéreos.
A coreografía, a cargo de Mercedes Suárez e da compañía Druida Danza, fusiona danza clásica e contemporánea nunha linguaxe visual e rítmica única. Cunha duración de 90 minutos sen descanso, o espectáculo propón unha viaxe simbólica inspirada no Camiño de Santiago, metáfora da transformación persoal e da capacidade de reinventarse.
A xira galega 2025/2026 inclúe nove funcións en sete cidades, cunha estrea os días 12 e 13 de decembro no Teatro Jofre de Ferrol, e paradas en Vigo, Ourense, Pontevedra, Lugo, A Coruña e Santiago de Compostela. As entradas xa están dispoñibles en www.reinventio.gal e www.ataquilla.com, con prezos entre 15 e 25 euros.
Un espectáculo de Thinking Up Events, que conta co patrocinio da Xunta de Galicia a través da Axencia de Turismo de Galicia e coa colaboración do Concello de Ferrol na súa estrea, que celebra o instante no que a maxia —esa palabra tan usada e tan pouco entendida— volve significar algo real.




